Friday 03 de May de 2024

O Concello da Pobra e a cooperativa Kracia achegan servizos gratuítos para a transformación dixital do sector empresarial


Tecer redes entre as persoas emprendedoras instaladas no Coworking da Pobra e o sector empresarial da localidade: este é o principal obxectivo do espazo de traballo colaborativo e, para seguir dando pasos nesta senda, a Concellaría da Promoción Económica lanza unha nova medida.

A cooperativa Kracia, usuaria do centro para o emprendemento, achegará servizos de balde para a transformación dixital orientada a pemes. Trátase dunha contraprestación á Administración local polo uso do dito inmoble, incluído na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, que a Concellaría da Promoción Económica determina canalizar para beneficio de diversos sectores do municipio, segundo apunta a edil Amparo Cerecedo.

Redes sociais, publicidade, creatividade e auditoría web son os piares sobre os cales se asenta a asistencia dixital, segundo explica Antón Freire, representante da dita cooperativa. Poderán optar empresas xa iniciadas no mundo dixital que desexen mellora-la súa experiencia e aquelas outras que aínda non decidiron da-lo paso. Analizarase o tráfico e o posicionamento no Google, o aumento da comunidade e a calidade do feed, un maior alcance, a publicidade online e mailo deseño de fotos e vídeos, como exemplo da ampla oferta de servizos.

No día 24 de abril haberá unha xornada explicativa no propio Coworking en dous horarios: unha primeira ás 17.00 horas e, unha segunda, para as 21.00 horas.

O empresariado interesado en asistir deberá cubri-lo seguinte formulario en liña co obxectivo de adapta-las reunións aos perfís profesionais: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSduN4GbFbieFIo_pRldRMwg2WtvT8LQl_2sb9jPPdgXCinvYw/viewform?pli=1.

A data límite para se rexistrar no dito formulario establécese na última hora do día 23 de abril e, polo de agora, xa hai nove inscricións.

Deja un comentario